Pescanova Biomarine Center
O Pescanova Biomarine Center é un Centro de I+D+i en Acuicultura que sitúa ao Grupo Nueva Pescanova á vanguardia internacional en investigación para a mellora da saúde, a nutrición, o benestar animal, a sustentabilidade e novas especies de cultivo (das 250.000 especies mariñas que existen, unicamente se sabe producir en acuicultura 580).

DE GRANXA DE POLOS E PIONEIRO EUROPEO EN ACUICULTURA DE RODABALLOS, A REFERENTE MUNDIAL EN I+D+i
O espazo que hoxe alberga o Pescanova Biomarine Center comezou sendo no século XX unha granxa de polos.
Xa na década de 1980, constituíuse aquí Insuiña, a primeira empresa de Europa en investigar e comercializar o rodaballo en acuicultura.
En 2017 comezouse a construción do Pescanova Biomarine, onde ademais de investigar en acuicultura, continúa sendo un centro de produción de rodaballo e del sairán os primeiros polbos de acuicultura que se comercialicen no mundo.
Con 4.000 metros cadrados e un parque solar fotovoltaico para autoconsumo con 714 módulos con capacidade de produción anual de 300.000 kWh, evitará a emisión de CO2 equivalente a plantar máis de 7.000 árbores.
REFERENTES EN BENESTAR ANIMAL
Nel traballan máis de 40 investigadores que xa lograron un fito mundial ao pechar, por primeira vez na historia, o ciclo de reprodución do polbo en acuicultura, ao conseguir que os exemplares nados en Nueva Pescanova chegasen á súa idade adulta e se reproduzan fóra do seu hábitat natural.
Lourditas, o primeiro polbo en nacer en acuicultura, crecer e ser nai no mundo, xa ten tataranetos que acaban de ser pais. E no Pescanova Biomarine Center cóidase a toda a familia como o primeiro día.

PUNTEIROS EN BIG DATA E INTELIXENCIA ARTIFICIAL
O Pescanova Biomarine traballa en varios proxectos en colaboración con socios tecnolóxicos, universidades e centros de investigación, para avanzar en transformación dixital e sustentabilidade.
Por exemplo, traballamos en intelixencia artificial e Big Data con Microsoft nas nosas lagoas de lagostino vannamei en Latinoamérica, controlando o 100 % dos procesos de forma automática e en tempo real, potenciando a eficiencia e sustentabilidade dos cultivos, garantindo a rastrexabilidade alimentaria e mellorando a saúde e o benestar animal.
CENTRO DIVULGATIVO
Ademais, o edificio alberga o Museo Pescanova Biomarine Center, un espazo divulgativo aberto ao público que conciencia sobre a importancia do coidado dos ecosistemas mariños para o futuro do desenvolvemento do Planeta, ademais de percorrer a historia da acuicultura, que comezou xa en China 3.500 a.C., así como os seus beneficios e futuro.
É o primeiro Museo do sur de Europa sobre acuicultura.









